| A Xunta de Galicia recupera o trazado do 2004 para o treito II da VAC-Tui-A Guarda |
|
|
| 04 do 12 do 2009 | ||||||||||||||||||
A Xunta de Galicia recupera para o treito II, PO-305-Enlace de Goián, da Vía de Alta Capacidade Tui-A Guarda o trazado do ano 2004 e está a traballar para modificar o proxecto co fin de minimizar o impacto da construción desta infraestrutura. Para elo, a Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Infraestruturas reserva un partida de 6,4 millóns de euros para a vía de alta capacidade Tui-A Guarda nos orzamentos previstos para o ano 2010. O Diario Oficial de Galicia (DOG) publicou o pasado martes, día 1, o anuncio polo que se revoga a tramitación do trazado deseñado polo bipartito. Así, prodecerase á redacción dun novo documento técnico do citado treito II, documento no que se levará a cabo un estudo comparativo de alternativas de trazado. O proxecto construtivo da VAC Tui-A Guarda, (incluído enlace da autovía a Portugal), está conformado por 3 treitos, un deles agrupa dúas fases nunha única actuación. Concretamente, o treito I: Tui-Tomiño: (enlace A-55)-enlace PO-350, está adxudicado á UTE Acciona Infraestruturas, S.A.-COPASA cun orzamento de 27,7 millóns de euros e conta cun prazo de execución de 32 meses. Os cambios En canto ao treito II: PO-305-Enlace de Goián retomarase o trazado deseñado no ano 2004, xa que se considera que é o que menos impacto social e paisaxístico produce, o que vertebra mellor o territorio e o único que conta con Declaración de Impacto Ambiental, documento que non sufrirá cambios con esta decisión. Este tramo terá unha lonxitude de 10,5 quilómetros, disporá de dous carrís para cada sentido de circulación de 3,5 m cada un, unha berma interior de 1,5 m e unha exterior de 2,5 m de ancho. Cómpre sinalar que o departamento dirixido por Agustín Hernández está a traballar na realización duns axustes necesarios, co fin de conseguir mellorar o trazado e minimizar aínda máis os impactos. Segundo o calendario fixado polo Goberno galego é preciso proceder a contratación e redacción do proxecto de trazado e construción, para que as obras comecen no ano 2011, pudendo quedar rematadas a finais de 2013 ou inicios do 2014. No caso do tramo III: Goián-A Guarda, unha lonxitude de 10,146 quilómetros, este foi adxudicado en xaneiro deste ano á UTE FFC-ALTLÁNTICA, cun prazo de execución de 23 meses. As obras xa están iniciadas polo que poderán quedar rematadas a finais de 2011. Por último, a Variante de A Guarda atópase na fase de Estudo Informativo e posterior aprobación definitiva do Estudo de Informativo. O seguinte paso, procederase a licitar a redacción do proxecto de trazado e construción. Á vista destas fases, as obras comezarán a finais de 2011. En definitiva, a previsión da Xunta é que estea operativa antes de que remate a lexislatura, xa que para o Goberno galego esta infraestrutura ten unha importancia vital para a vertebración económica de Galicia e a comunicación entre Galicia e Portugal, polo que estas circunstancias obrigan a unha inmediata actuación, co fin de dotar esta zona das comunicacións viarias que demanda a área do Baixo Miño. Ao seu remate, converterase no gran eixo vertebrador e de comunicación da comarca do Baixo Miño. Ademais, representará unha mellora importante na calidade de vida e a seguridade vial dos máis de 46.000 habitantes dos concellos de Tui, Tomiño, O Rosal e A Guarda.
Escribir Comentario
Powered by AkoComment Tweaked Special Edition v.1.4.6 |
||||||||||||||||||
| < Ant. | Seg. > |
|---|






